España está a pasar pola peor crise que lembramos dende que este país se converteu nunha democracia moderna hai 40 anos.
O Coronavirus matou a máis de 21.000 persoas e contaxiou a polo menos 200.000. Aínda que moitos máis dos nosos 46 millóns de habitantes poderían estar infectados, tal como recoñece o propio goberno. As comunidades evanxélicas non estivemos á marxe desta epidemia, e entre os afectados atópome eu mesmo.
Son pastor dunha igrexa dunhas 350 persoas nunha pequena cidade na costa atlántica, e sirvo tamén na miña denominación e como presidente da Alianza Evangélica Española. Pero todo parou en seco cando me contaxiei co COVID-19.
Cando, tras 21 días de loita contra a enfermidade, recibín a alta médica, o meu agradecemento e alegría foron enormes. Son moi consciente de que outros, aínda máis novos e fortes ca min, perderon a vida por esta enfermidade.
Como país, aínda estamos a sufrir moito e dirixímonos cara a un futuro incerto. Na miña propia familia aínda temos persoas que están a loitar co virus. Mais estas son algunhas primeiras reflexións que fago en base ao experimentado ata o de agora en España.
1. Lembremos que non somos “superhomes”.
A primeira conclusión é para aqueles que, coma min, atópanse no liderado cristián. A lección máis evidente ao recuperar a saúde foi lembrar que non son (nin debo ser) un “superhome”. Vivimos no mesmo mundo que os demais, temos os mesmos conflitos, os mesmos riscos, somos vulnerables, e xustamente iso é o que nos capacita para o liderado. Un liderado de superhome, o de aquel que parece alleo (ou por riba) do sufrimento, nunca poderá producir discípulos, senón soamente admiradores ou adoradores. Este tempo de sufrimento e loita coa enfermidade, lembroume unha vez máis que o Pai xa enviou un Salvador (e non son eu).
Ademais, caer enfermo amosoume novamente a importancia de pertencer a unha comunidade. Despois de saberse da miña infección, houbo unha reacción inmediata de oración da miña igrexa local, pero tamén da igrexa en España e noutras partes do mundo. Mensaxes de ánimo, oracións de fe e amor de moitos amigos e mesmo descoñecidos, foron doses de alento nas horas difíciles.
Nestes días, comprobei moi claramente a verdade da Palabra de que somos un corpo, un só. Temos unha fe común e somos unha familia. Todo isto non é algo teórico ou abstracto nin unha quimera que algún día alcanzaremos, senón unha realidade palpable. É así como aqueles que estamos a sufrir somos sostidos na proba.
2. Aproveitemos o shock para reflexionar sobre a nosa vida.
Cando un está involucrado nunha igrexa en crecemento, con proxectos sociais, plantación de igrexas, etc., a enfermidade inesperada chega como un “parón” obrigado que detén moitas cousas. Inicialmente, é un shock, e despois veñen outras fases como a ira, a negociación e, finalmente, a aceptación.
A enfermidade provoca un proceso persoal que, se todo vai ben, pode durar unhas horas ou uns días. Ao principio tiven momentos de dúbidas, de me preguntar cal era o propósito de todo isto. Pero ao aceptar a miña situación, aprendín dúas leccións.
A primeira foi unha profunda reflexión de que Deus coidou e coida de min. Durante uns días nos que estiven realmente mal, expúxenme a posibilidade da morte como algo posible. Que avaliación facía da miña vida? No ministerial e profesional, nas metas realizadas na vida, estaba en paz. Fixera o que puidera no tempo que Deus me dera. Mais a dor apareceu cando pensei nos meus fillos, en que non ía poder ver e vivir como eles alcanzarían as súas propias metas e soños. Con todo, aí estaba a queda paz de que Deus coidaría da miña esposa e os meus fillos se eu faltase.
O segundo que aprendín no meu proceso co COVID-19, é a me identificar coa dor de tantas persoas que están a pasar o mesmo padecemento. É inestimable o que a enfermidade pode traer á alma se un está aberto a que Deus che agrande o corazón durante o proceso. Creo firmemente que Deus é poderoso para me sandar, así como o foi para me salvar. Ademais, non creo que a enfermidade sexa un castigo enviado polo Señor. Pero mentres esperaba en fe pola súa sanidade (directa ou a través dos medios sanitarios) puiden aprender que outros están a sufrir tamén, que podo compadecerme con eles e que en todo iso Deus segue sendo Señor, pase o que pase.
3. Non xoguemos cunha teoloxía triunfalista.
Se de algo pode servir esta tribuna, é para lles pedir aos nosos irmáns do continente americano que aprendan dos nosos erros. Desgraciadamente Estados Unidos xa o está comprobando, e esperemos que nos países irmáns de América Latina manteñan e amplíen as medidas iniciais que tomaron.
Vimos a crise en China, e dixemos: “É en China, queda moi lonxe”. E non nos preparamos. Despois chegou a Italia, e dixemos: “É Italia, a España non chegará”. De feito, algúns afeccionados ao fútbol mesmo viaxaron á zona de maior contaxio do noso país veciño a ver un partido de Champions League, unha competición que, como todo o demais, foi cancelada e agora é irrelevante.
Días despois, o COVID-19 chegou a Madrid, e os que vivimos noutra parte do país dixemos novamente: “É na capital, nós estamos a salvo”, e non fomos prudentes. Finalmente chegou á nosa cidade, e a nosas propias familias. Fomos lentos na reacción e pagamos as consecuencias. Por favor, aprendan dos nosos erros e tomen ben en serio esta pandemia.
As igrexas teñen un papel fundamental á hora de responder con sabedoría a esta situación. O maior problema está nunha teoloxía débil que ensina que a prudencia está en contra da fe, unha teoloxía triunfalista que ensina que somos inmunes ao virus pola fe. Algo así como que non temos que seguir as recomendacións das autoridades porque xa nos protexerá Deus. É un erro total, que terá consecuencias nefastas, e os pastores que predican estas cousas terán que render contas a Deus e aos homes pola súa ensinanza.
4. Preparémonos para acompañar a outros en dós difíciles.
En España temos visto centros de saúde desbordados no que os sanitarios definían como un “ambiente de guerra”. Enfermeiros e médicos cristiáns transmítironnos as súas ganas de chorar ao chegaren á casa decatándose da falta de recursos humanos, protección, camas de UCI, etc. E sobre todo, sendo conscientes do duro impacto emocional que esta epidemia deixará na nosa sociedade nos próximos anos.
Tamén nas nosas igrexas tivemos que despedir atropeladamente a moitos. A maioría dos nosos irmáns que faleceron, eran pais ou avós dunha xeración que loitou por levantar as nosas comunidades. Moitos marcharon sen lles poder dicir un último adeus, sós nunha habitación, despedíndose por teléfono. Aínda que compartimos unha esperanza máis aló da morte, a forma na que marcharon deixará feridas.
Teremos que reaprender a acompañar no proceso de dó a moitas persoas, foren crentes ou non. Un dos asuntos que máis teremos que traballar é o relacionado coa culpa e a rabia interior por non poderen acompañar ao seu ser querido nos últimos momentos da enfermidade. Moitos non puideron ir ao hospital, e nunca verán o corpo, nin sequera o cadaleito. Hai familiares que non dan asimilado de forma definitiva a perda, a ausencia.
Estas semanas, as autoridades están a pedir ás familias que autoricen a incineración do seu ser querido: reciben unha chamada na que explican como acceder a posteriori ás cinzas e ao parte de defunción. É coma se estas persoas desaparecesen da nosa vida, sen máis.
Como elaborar un dó sen un ritual funerario, sen unha cerimonia da que poder participar? Temos que preparar a xente para levar a cabo un dó a distancia, e estamos a traballar xa para preparar unha guía sobre o dó nestes tempos estraños.
5. Volvamos ao esencial: a comunidade.
Case toda Europa suspendeu as actividades que reúnen a persoas en lugares físicos, e non temos un horizonte de cando permitirán os gobernos que se renove a actividade nos lugares de culto.
Isto pon a proba o noso xeito de ser igrexa. Aquelas igrexas que teñen unha boa estrutura de grupos pequenos teñen resolto o concepto de comunidade, así como o coidado pastoral e a labor misioneira. E é evidente que os recursos tecnolóxicos e ferramentas de comunicación ao alcance de todos na internet son unha bendición estas semanas para ter un comunicación múltiple e fluída.
Pero o liderado cristián debe aproveitar esta crise para repensar a igrexa dende unha óptica comunitaria. O centro é Cristo, non o culto, a reunión dominical. Na nova etapa postcrise será fundamental volver a unha estrutura celular da igrexa que saliente o compromiso persoal e poña fin ao consumismo relixioso que nos acompañou durante décadas.
As prioridades que xorden agora son claras. Primeiramente, na liña do que di Gálatas 6:10, debemos “facer o ben a todos segundo teñamos oportunidade, e especialmente aos da familia da fe”. Temos que nos coidar moito de que ningún irmán na fe pase necesidade, sexa esta económica, anímica ou social. A continuación, ampliemos esta acción ao barrio e a cidade na que vivimos.
É tempo tamén de manter a pastoral en todos os aspectos. Isto inclúe, por certo, o coidado de nenos, novos, matrimonios, así como a adoración. Na nosa igrexa local, celebramos o Domingo de Pascua unha #santacenaibnlugo, na que todos os irmáns participabamos da Santa Cea dende as nosas casas, e compartiamos unha foto con ese cancelo.
Sempre predicamos aquilo de que a igrexa non é un edificio nin un lugar concreto, senón as persoas. Esta crise será o crisol para probar esa afirmación: o COVID-19 probará a nosa teoloxía e as nosas estruturas de igrexa.
6. Sexamos, agora máis ca nunca, igrexas vivas e activas.
Estamos nun mundo que está en quebranto, necesitado de que asumamos o noso papel como luz e sal, para que a través do noso testemuño acaben dando gloria a Deus.
Deixádeme rematar cunha mostra da igrexa que pastoreo. A nosa non é unha comunidade moi grande, e estamos nunha cidade de contexto rural duns 100.000 habitantes. Un podería pensar que somos febles e pequenos de máis para afrontar o enorme desafío desta epidemia. Aínda por riba, a suspensión da actividade reduciu moito as entradas económicas da igrexa.
Así e todo, puidemos multiplicar considerablemente a axuda social co fin de paliar os efectos da crise nas familias da nosa contorna.
Tentamos aplicar Mateo 5:16, “Alume así a vosa luz ós homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos Ceos”.
No noso caso, iso significou desenvolver un plan de acción con tres eixos. O primeiro é a axuda social de emerxencia, provendo economicamente ás familias máis necesitadas. O segundo eixo é o programa de repartición de alimentos. Entregamos 3 toneladas de produtos frescos cada quince días; ademais de 72 toneladas de alimentos non perecedoiros. Grazas á rede tecida nos últimos anos, podemos alcanzar con esta axuda 900 familias (unhas 3.000 persoas).
Por último, hai un eixo novo de traballo, o da confección de material sanitario. Isto funciona grazas a nove membros da nosa igrexa que cosen batas, gorros e calzas para usar en centros de saúde. Fano con materia prima fácil de conseguir: bolsas de plástico. Xa entregamos moitas en centros de saúde e residencias de anciáns, onde tiñan escasos recursos ou ningún material. A repercusión nos medios de comunicación foi grande dende o principio, o cal aumentou o número de pedidos de material. O persoal médico e de enfermería mostrouse moi agradecido e felicitounos por un traballo que consideran de calidade. Prevemos poder confeccionar 2.000 batas, 2.400 gorros e 2.100 calzas nas próximas semanas.
Esperamos poder poñer punto e final a este programa en canto cheguen os recursos que o goberno está a xestionar. Entrementres, seguimos servindo á comunidade.
É verdade que estamos confinados, pero o Espírito Santo non está confinado e, como cristiáns, seguimos participando da vida da sociedade que nos rodea no medio da crise. É tempo de mostrar que “a igrexa segue viva e activa”. Este é o lema que nos manterá aos membros da nosa igrexa local enfocados nas semanas por diante.
Marcos Zapata é pastor da Igrexa Boas Noticias en Lugo, España, e presidente da Alianza Evangélica Española.
Tradución: Ismael Arnoso Fernández