Esta é a segunda parte dunha serie de seis ensaios feitos por unha selección transversal de destacados eruditos que fan unha revisión de cal é o lugar que debe ocupar o "Primeiro Testamento" na fe cristiá contemporánea. —Os editores
A igrexa onde me criei era dunha tradición que xurdiu dos avivamentos fronteirizos. Unha estratexia moi común entre os predicadores naquel tempo era asustar á xente. Colocaban aos pecadores nas mans do Deus irado do Antigo Testamento para, logo, trasladalos ás mans benévolas e amorosas do "Deus do Novo Testamento” revelado en Cristo Xesús. Este forte contraste era fundamental na comprensión que eu tiña de Deus durante toda a miña mocidade.
Foi soamente na universidade e despois, sacando o meu mestrado no Antigo Testamento, cando cheguei a ver que este contraste era unha construción falsa en varios niveis. Na súa colección póstuma Letters from the Earth, o provocador teolóxico Mark Twain deu no cravo cando observou que o Deus do Novo Testamento, quen aparentemente inventou o inferno, debe ser "mil millóns de veces máis cruel do que foi no Antigo Testamento." Tamén esta observación de G.K. Chesterton en The Everlasting Man “É difícil conciliar o amor e a piedade de Xesús por Xerusalén coa súa condenación de Betsaida, cando a colocou aínda máis abaixo no pozo infernal que Sodoma.”
Pero non foi só que o Xesús do Novo Testamento era moito máis duro do que coñecín na escola dominical. Pola outra banda, "o Deus do Antigo Testamento" resultou máis amoroso, compasivo, perdoador, e cheo de graza do que escoitara dos mestres e predicadores da miña mocidade.
Deus da compaixón materna
Se non lemos o Antigo Testamento, perdemos moitas cousas interesantes, e non só a bebida, o sexo e a violencia. Perdemos un importante material teolóxico, palabras que reflexionan sobre a persoa e o carácter do "Deus do Antigo Testamento". O noso Deus.
Unha das afirmacións teolóxicas máis importantes chega ao final dun dos peores momentos na relación de Israel con Deus:
"O Señor, o Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade, que garda o seu amor ata a milésima xeración, que perdoa as culpas, os pecados e os erros, pero non declara inocente ó culpado, e castiga as culpas dos pais ata a terceira e a cuarta xeración". (Ex. 34: 6-7).
Non moito antes desta afirmación, o pobo fixo un becerro de ouro para representar ao deus que iría diante deles á Terra Prometida. Non importa que isto violara o segundo dos Dez Mandamentos. A xente impacientouse con Moisés, quen pasaba demasiado tempo na montaña con Deus, e quería seguir coa súa viaxe. E mentres Moisés disuadiu a Deus de actuar con rabia contra Israel, Aarón non puido disuadir a Moisés da propia rabia de Moisés que levou aos levitas a destruír 3.000 dos seus compañeiros israelitas no nome do Señor (Ex. 32).
Despois desta idolatría de Israel, Deus ameaza con non ir con eles á Terra Prometida. Ata a confianza de Moisés vese sacudida. Buscando tranquilidade, Moisés pide ver a gloria de Deus, a pesar de que Deus falou con Moisés na tenda do encontro como se fala cun amigo íntimo (Ex. 33).
Todo isto leva á proclamación do Éxodo 34: 6-7 cando Deus descende á montaña para pasar diante de Moisés. Particularmente importante nesta afirmación é a virtude que aparece primeiro na lista: Deus é compasivo. A palabra hebrea detrás da nosa palabra ‘compaixón’ é máis rica porque, como constata Beth Tanner, coautora do comentario The Book of Psalms, tamén pode significar útero. Así, unha mellor tradución pode ser "compaixón materna".
No Éxodo 34, Deus aínda chama a Israel para que dea conta do seu pecado. Pero Deus faino baseado na compaixón materna. Moisés esixiulle a Deus: "Lembra que esta nación é o teu pobo" (Ex. 33:13). A resposta positiva de Deus identifica a Deus, no primeiro plano, coa compaixón materna. Isto parece dicir que, ás veces, Deus enfádase con Israel como calquera nai co seu fillo. Aínda que, igual ca esa nai, nunca vai abandonar á nación por iso. O Deus do Antigo Testamento é o noso Deus, un Deus de compaixón maternal que enfronta o pecado flagrante e promete un futuro máis aló dos fracasos. Imaxinar ao Deus do Antigo Testamento en termos de ira reflicte só unha parte da identidade de Deus e non ve que, segundo o Éxodo 34, a esencia do personaxe de Deus comeza coa compaixón materna.
A compaixón a través de tódalas xeracións
Moitas xeracións afastadas de Moisés e Exipto, os sacerdotes dos tempos de Nehemías usaron a linguaxe do Éxodo 34: 6-7 nunha oración nacida da preocupación de se Deus abandonaría o seu pobo (Neh. 9:17). Os que voltaron a Xerusalén do exilio Babilónico aínda tiveron moitas dificultades dende fora (9:36-37) e tamén dentro deles. Cando a xente escoitou a Torah lida polo escriba Esdras, tomou tanta conciencia do seu pecado que non puideron deixar de chorar (Neh. 8).
Na súa oración os levitas exaltaban a Deus por facer o ceo e a terra, por elixir a Abraham e por liberar a Israel de Exipto. Tamén lembraban á xente que, cando desobedeceron o mandato de Deus de tomar a Terra Prometida, Deus perdoou porque El é "clemente e compasivo, cheo de paciencia e misericordioso” (Ne. 9:17).
Ante as dificultades post-exiliais e o pecado do pobo, os levitas fundaron a súa esperanza para o futuro no Deus que non abandonou a Israel no pasado por mor desa gran compaixón materna (9:19). Por exemplo: nos días dos xuíces, a xente afastouse da Torá e matou aos profetas. Pero Deus aínda respondeu aos seus berros con compaixón materna (9:27)… unha e outra vez (9:28). As cousas non melloraron coa monarquía; a xente continuou pecando e matando profetas. Con todo, Deus negouse a abandonar o pobo por mor da súa gran compaixón materna, porque “…el é un Deus clemente e misericordioso” (9:31).
Esta visión de Deus lémbrame a unha nai que coñecín dende o meu primeiro pastorado en Ohio. O seu fillo enganchárase ás drogas e atopouse con diversos problemas. Ela e o seu marido intentaran todo: varios centros de rehabilitación, establecendo a lei, amor duro. Nada funcionou. Con todo, cada vez que o seu fillo chegaba a casa, ela perdoábao, sabendo que probablemente lle feriría de novo o corazón. Pero el era o seu fillo. Ela era a súa nai. Do mesmo xeito, a pesar de xeración tras xeración dos seus fillos rebelándose contra El -incluso matando aos seus profetas! – Deus acolleu aos fillos de Israel de volta á casa con compaixón materna unha e outra vez. Que máis se supón que debe facer un pai?
Todas as criaturas de Deus
O Libro de Xonás é, en parte, unha meditación sobre a gran compaixón de Deus, que se estende máis alá das fronteiras de Israel, incluso entre os inimigos de Israel. Deus díxolle a Xonás que fose a Nínive, a capital dos opresores asirios de Israel. Pero Xonás fuxiu; Deus interveu e conseguiu que Xonás fose botado dun barco e acabase na barriga dun gran peixe. Tendo un tempo para reflexionar sobre as súas opcións de vida, Xonás orou e o peixe vomitouno de novo á terra seca. Xonás finalmente cumpriu o seu encargo orixinal e proclamou o inminente derrocamento de Nínive. Para sorpresa dos lectores, Nínive arrepentiuse e Deus perdoou.
Quizais Xonás tamén se sorprendeu cando Nínive se arrepentiu. Pero non estrañou que Deus perdoase. O que non recordo da escola dominical foi a rabia de Xonás porque sabía, tal como sabían Moisés e os sacerdotes nos tempos de Nehemías, que Deus é compasivo e misericordioso, lento para a ira e rico en bondade, e que se arrepinte de toda ameaza (Xonás 4: 2). Xonás fuxiu porque, aínda que non puidese predicir o que farían os asirios, sabía o que faría Deus. Inevitablemente, e con compaixón, Deus perdoaría aos ninivitas no primeiro sinal de arrepentimento.
Ao cabo, os asirios tamén son criaturas de Deus. Lembro, nesa igrexa da miña mocidade, con que dureza un dos anciáns comezou a menosprezar a "os xaponeses", cuxa perspicacia industrial ameazaba a estabilidade industrial estadounidense. Non obstante, estes tamén son criaturas de Deus. Do mesmo xeito, hoxe en día, moitos cristiáns están en contra dos nosos veciños musulmáns, temendo que estean a facerse cargo do país. Non obstante, estes veciños musulmáns tamén son criaturas de Deus. O Antigo Testamento está cheo de inimigos de Israel e non sentimos falta de inimigos contra o noso país e o noso modo de vida. O Libro de Xonás lémbranos que a compaixón materna de Deus esténdese ata os nosos inimigos, porque todos somos criaturas de Deus.
Claro, isto non quere dicir que a compaixón materna non vaia saír a defendernos cando un deses inimigos nos ameaza. Isto vemos no Salmo 86. O salmista coñece o perdón de Deus (Sal. 86: 5) pero acude tamén a Deus para que garde a súa vida (v. 2), para que responda na súa angustia (v. 7) a causa dos inimigos que atacan, "Os soberbios, meu Deus, érguense contra min, un fato de violentos busca a miña vida” (v. 14). E mentres o salmista mira cara aos seus despiadados inimigos, tamén recorda esta forte afirmación que resoa dentro de Israel e máis aló: "Pero ti, Señor, es Deus compasivo e clemente, tardo á ira, grande en amor e lealdade.” (v 15).
O salmista sabe que Deus mira a súa situación coa mesma compaixón que move unha nai a rescatar o seu neno da casa en chamas, arriscando a súa vida para salvar o froito do seu útero. Este tamén é o Deus do Antigo Testamento, o noso Deus, que con compaixón materna vén salvar (v. 16).
Ir e amar igualmente
Se observas o hebreo detrás deste termo, verás que as distintas formas de "compaixón materna" aparecen unhas 150 veces no Antigo Testamento. Que pasaría se unha énfase na compaixón materna se convertese nunha parte do noso alimento constante das Escrituras, en vez de ignorala e quedarnos coa imaxe dun Deus iracundo e vingativo?
Con sorte, unha cousa que pasaría é que viriamos a adorar e orar con maior gratitude ao noso Deus, que é "o mesmo onte e hoxe e será o mesmo sempre" (Heb. 13:8). Cando participamos na Eucaristía, veríamos que a expresión do perdón de Deus en Xesús é o último acto da compaixón materna de Deus por todas as súas criaturas, ás que Deus amou dende o inicio da humanidade no xardín do Edén.
E espero que as nosas igrexas se convertan aínda máis nos lugares de acollida para a humanidade rota que Deus quere que sexan. Cando vexamos todas as veces no Antigo Testamento que Deus expresa compaixón materna, non nos motivaría a deixar a lado nosa auto-xustiza e nosa denegación de outros, e abrir as nosas comunidades a todas as criaturas de Deus en benvida compasiva? Non nos conmovería protexer as vidas ameazadas de morte nas nosas cidades e comunidades?
Quizais recoñeceriamos que deixamos que as primeiras impresións nos enganen, e que o Deus do Antigo Testamento é máis materno do que pensamos. Quizais deixemos de dicir "Deus do Antigo Testamento" para falar, sinxelamente, do "noso Deus".
Robert L. Foster é profesor de Novo Testamento e relixión na University of Georgia. É o autor de We Have Heard, O Lord: An Introduction to the Theology of the Psalter (Fortress Academic)