Esta é a cuarta parte dunha serie de seis ensaios feitos por unha selección transversal de destacados eruditos que fan unha revisión de cal é o lugar que debe ocupar o "Primeiro Testamento" na fe cristiá contemporánea. —Os editores
O pobo cristián ten un problema. Sabemos que se supón que baseamos a nosa ética na Biblia. Pero ás veces a Biblia é vaga sobre asuntos éticos que pensamos que deberían ser sinxelos.
O Novo Testamento non suscita dúbidas sobre a escravitude, por exemplo. Pablo instrúe aos escravos a “obedecer escrupulosamente ós vosos amos neste mundo con sinceridade coma a Cristo” (Ef. 6:5). Textos coma este utilizáronse ao longo da historia cristiá para xustificar horribles actos de deshumanización por parte de cristiáns que crían que a Biblia estaba "do seu lado".
Pero o Antigo Testamento apenas garda silencio sobre a escravitude. Di que os escravos deberían ser liberados despois de seis anos. Por que o Novo Testamento non se refire a esta regra? Por un lado, está a ser realista, tendo en conta a dureza do corazón do ser humano, que era maior no contexto do imperio romano que en Israel. Pola contra, o Antigo Testamento pon uns límites tan restritivos á escravitude que descartan a escravitude real cara outros israelitas (é enganoso que as traducións recentes empreguen a palabra "escravo" no Antigo Testamento). O Antigo Testamento asume que o traballo en xeral pertence ao contexto das relacións comunitarias e pon claros límites á servidume. Os israelitas nunca son "posuídos" uns polos outros. Todo o seu servizo é temporal e compensado dalgún xeito, e hai regulacións estritas para garantir que os servos estranxeiros (que si eran propiedade dos donos) sexan tratados con respecto e compaixón.
Aínda que supoño que a maioría de nós cremos que o Antigo Testamento é a palabra inspirada de Deus, moitas veces non actuamos así. Isto podería ser, en parte, porque algo do que atopamos no Antigo Testamento parécenos desagradable ou incluso horroroso. Pero en realidade, non consideramos telo como guía. Segundo 2ª Timoteo 3:16, as Escrituras son útiles para ensinar, reprobar, corrixir e educar na vida correcta, e desempeñan un papel que nos prepara para facer cousas boas. "As Escrituras" ás que se refire esta pasaxe son as que hoxe chamamos o Antigo Testamento; xa que aínda se estaba redactando o Novo Testamento cando Paulo escribiu a Timoteo. Dado que cremos que as Escrituras do Antigo Testamento están inspiradas, por que non recorremos a elas para cuestións éticas? Que pasaría se o fixésemos?
O Antigo Testamento fala por si só
Pablo dixo á igrexa de Roma que o requisito adecuado da Torá (o termo hebreo traducido como "lei" nas nosas Biblias modernas) cúmprese en nós mentres vivimos segundo o Espírito (Rom. 8:4). Xuntemos isto coa liña de 2 Timoteo anterior: se queremos camiñar segundo o Espírito, necesitamos saber o que din as Escrituras do Antigo Testamento. Necesitamos unha comprensión e familiaridade co Antigo Testamento, incluídas as regras que moitos de nós evitamos na nosa lectura. Sen elas, pasamos por alto os ideais e as expectativas de Deus para o comportamento humano; o fundamento vital para comprender as respostas bíblicas a algunhas das nosas maiores cuestións éticas.
Cando pensamos no Antigo Testamento e na ética, tendemos a abordalos dun ou doutro xeito. Un xeito é buscar como as Escrituras tratan ás cuestións que son importantes para nós, como a xustiza, o matrimonio homosexual ou o coidado de migrantes. O outro é preocuparse polos problemas que parece suscitar en nós, como a poligamia ou a aniquilación dos cananeos. No primeiro caso, xa asentamos nós as bases, querendo que os textos nos apoien no que é importante para nós. (Vedes? O Antigo Testamento é relevante!) Co segundo, pensamos que sabemos o que está ben e buscamos xustificar o Antigo Testamento cando non encaixa coa nosa comprensión. (Realmente non é tan malo como parece.)
Deberiamos tratar de entender como o Antigo Testamento presenta cuestións éticas ás que temos que responder. En vez de facer que o Antigo Testamento se axuste ás nosas necesidades, que tal se lle permitimos formar a nosa comprensión? Facelo será un desafío, pero é valioso e necesario para poder vivir unha ética cristiá fiel.
Cumprindo a Torá
Unha das razóns polas que é complicado discernir todas as implicacións das Escrituras do Antigo Testamento no seu conxunto é que non foron escritas dunha soa vez. Saíron do traballo de moita xente ao longo de case mil anos. Veñen de culturas diferentes ás nosas vidas occidentais xa que logo, son remotas. E pode parecer que aceptan cousas que non esperamos que Deus acepte. As Escrituras trataban situacións moi diferentes ás nosas, e Deus precisaba que falasen de xeito diferente en distintos contextos.
Ao darnos orientacións sobre o correcto, o Antigo Testamento non é sistemático e non está organizado por temas. Parte do desafío e da riqueza do Antigo Testamento é a súa colorida variedade. Con todo, no seu momento, estes escritos convertéronse nun libro. Entón, como poden converterse nun recurso para nós? Xesús dános algunhas indicacións para responder a esta pregunta.
Unha das primeiras cousas que Xesús di no Sermón do Monte é que non veu para anular a Torá e os profetas senón para cumprilos (Mateo 5:17). "Cumprir" soa como un termo técnico, pero Mateo está a usar a palabra común que significa "encher". Xesús veu validalos, para espallalos. Como o fixo? Cando segue dicindo: "Oístes que se dixo… pero eu dígovos ", dá varios exemplos desta ampliación. Por exemplo, é posible aferrarse ao mandamento que prohíbe o asasinato e ignorar as advertencias do Antigo Testamento sobre a ira. Xesús non está a dicir algo novo. Máis ben, Xesús cumpre a Torá e os profetas sinalando as cousas do Antigo Testamento que as persoas estarían inclinadas a evitar. Saca todas as implicacións das Escrituras.
Noutro exemplo, a Torá di: "…amarás o teu próximo coma a ti mesmo.” (Lev. 19:18). O contexto deixa claro que Levítico ten en mente ao veciño co que un non se leva, o veciño que é inimigo. Quizais Xesús soubese das persoas que pensaban que, mentres amas ao teu amigo próximo, podes odiar ao teu próximo que é o teu inimigo. Pero o Antigo Testamento nunca di que se pode odiar a ninguén. O propio Levítico implica que debes amar ao teu inimigo, pero moita xente perde esa inferencia. Entón, ampliando, Xesús conta a parábola do bo samaritano, cumprindo a Torá evidenciando as súas implicacións: O teu próximo pode ser alguén que non che guste, pero aínda así tes que amalo.
Xustiza e santidade?
Un amigo meu suxeriume que a ética cristiá converteuse primariamente en principios; sentimentos amplos como, “Eu estou con Xesús do lado do amor, a xustiza e a liberación”. Supoñemos que é obvio o que é o amor, a xustiza e a liberación. Pero o risco é que outra xente, sexa progresista ou conservadora, vai impoñer a súa propia definición as nosas palabras. Polo tanto, o perigo é que o noso pensamento e a nosa vida sexan conformados pola nosa cultura e polo noso contexto social. É tentador asumir que a nosa forma de pensar debe ser en xeral correcta. Ao cabo, somos cristiáns e estamos comprometidos coas Escrituras, non si? Pero é posible que teñamos que deixar cuestionar a nosa comprensión, e iso coa boa vontade de modificala se fai falla.
Tomemos, por exemplo, a forma de pensar sobre a xustiza. É doado asumir que todos coinciden nun sentido xeral en que é a xustiza. Non obstante, as definicións de "xustiza" varían segundo as culturas. Hai unha frase do Antigo Testamento que se traduce como "xustiza e rectitude". Con razón describiuse como a expresión do Antigo Testamento para "xustiza social". Pero non significa xustiza social no mesmo sentido no que convencionalmente nos achegamos a esa frase. Individualmente, as dúas palabras hebreas tampouco se traducen como "xustiza" ou "rectitude" co significado que lle damos a esas palabras en galego. A palabra traducida como xustiza (mishpat) denota algo así como o correcto exercicio de autoridade e poder. E a palabra traducida como rectitude (sedaqah) significa algo así como fidelidade, facer o correcto nas relacións coas persoas da súa comunidade, mentres que a palabra galega xustiza significa vivir unha correcta vida individual.
Para nós, preocuparnos pola xustiza pode significar principalmente defender o que está ben. No Antigo Testamento, "xustiza e rectitude" referíanse tanto ao que fixeches como o que defendías. Era práctico, persoal e custoso. Tratábase de facer o que ti podías facer en nome da xente que vivía preto. Para os xefes de familia, significaba ver que os recursos da familia se compartían con persoas necesitadas fóra da familia e que a familia non explotaba ás persoas ás que proporcionaba traballo. Para nós, non se trata só de dicir o que a cidade debería facer coa xente sen fogar. Trátase de que eu vexa o que podo facer para conseguir que a persoa sen fogar na miña rúa teña o refuxio e a asistencia necesarios.
O máis importante
Aínda que a lectura do Antigo Testamento en xeral é necesaria para a ética cristiá, se tivésemos que reducilo a unha cousa, cal sería o mandamento máis importante da Torá? A resposta de Xesús a esta pregunta clave proporciona orientacións vitais para comprender a ética bíblica (Mateo 22:36-40). Aos teólogos xudeus gustáballes debater cal era o mandamento máis importante, aínda que había poucas dúbidas sobre a resposta: Ama a Deus con todo o corazón, alma e forza (Deut. 6:5). Ao igual que outros mestres xudeus, Xesús aumenta ese mandamento con outro da Torá: o mandato de amar ao próximo. E ensina que merece ser colocado ao carón do de amar a Deus.
A observación provocativa que Xesús engade entón é que a totalidade da Torá e dos profetas depende destes dous mandatos. Esa é unha afirmación sorprendente e é fundamental para comprender a ética do Antigo Testamento. Cando te preguntas sobre o propósito dunha regra individual na Torá ou che parece que algún mandamento é demasiado estraño para que Deus o esixa, sempre paga a pena preguntar: "Como cadra este mandamento co amor por Deus ou co amor polo próximo? (ou as dúas cousas)”.
Consideremos un exemplo: o Antigo Testamento ensina que as persoas se volvían impuras cando tiñan que enterrar a un familiar e que un home tornábase impuro despois da exaculación. Como expresan o amor a Deus estas regras bíblicas sobre a pureza? É doado pensar que se trata de pecado, pero iso só é parte do que está a suceder. Non había nada moralmente malo no enterro nin no sexo coa persoa adecuada. O que está mal é esquecer que o Creador é moi diferente as súas criaturas.
Un dos focos das regras sobre a pureza era esta importante distinción entre os seres humanos e Deus, que é en parte o que significa a Biblia cando fala de santidade. As regras recoñecían que Deus no seu propio ser non tiña nada que ver coa morte nin co sexo. Moitos de nós vivimos en culturas que evitan pensar na morte e que están obsesionadas co sexo. As regras de Levítico lémbrannos que a morte é algo habitual da experiencia humana pero, sendo resultado da caída, non é normal. Do mesmo xeito, lémbranos que o sexo é só algo humano e, aínda que bo, non é algo divino. Todo isto serve para ilustrar que a ética non é unha categoría distinta no Antigo Testamento. Quen somos e quen é Deus están intimamente conectados co que debemos facer.
Bendicindo os nosos corazóns duros
O Antigo Testamento recoñece a diferenza entre o ideal e a realidade, e fala en consecuencia. Vémolo claramente nunha discusión que Xesús mantivo con algúns fariseos sobre o divorcio (Marcos 10:1-12). Cando lle preguntaron que pensa sobre iso, Xesús devólvelles a pregunta: "Que di a Torá?" Observan que a Torá permite o divorcio. Pero Xesús sinala que permite o divorcio só pola dureza dos seus corazóns. Cando miramos ao principio de todo, cando Deus creou ao primeiro home e mais á muller, é difícil imaxinar que o divorcio sexa parte daquela realidade. Pero, ao introducir as regras no libro de Deuteronomio, Deus recoñece que algúns homes rexeitan ás súas esposas, polo que dita unha lei que regula este desgraciado proceso e prové á muller dalgunha protección. Pasa o mesmo co tema da escravitude, aquí tamén a Torá establece o ideal da visión creativa de Deus e, ao mesmo tempo, ten en conta a nosa incapacidade de chegar a ese nivel de perfección. Este patrón de ningunha maneira diminúe a xustiza de Deus; máis ben, acentúa a súa misericordia cara a nós.
Entón, hoxe en día, como aplicamos o contido do Antigo Testamento e máis a ética que describe? Como podemos obedecer as Escrituras que os apóstolos e os primeiros membros da igrexa atesouraban como "útiles para ensinar, increpar, corrixir e adestrar na xustiza"? Pois, mentres estudamos dilixentemente o Antigo Testamento, procurando vivir segundo a revelación de Deus, podemos facernos estas tres preguntas: que partes do ensino do Antigo Testamento precisan de ampliación? Como expresa amor por Deus e amor polo próximo o ensino do Antigo Testamento? E, finalmente, cales dos ideais da creación son absolutos e en cales hai algo de graza de parte de Deus por mor da dureza dos nosos corazóns?
Claro, debemos seguir loitando para acadar o ideal da creación, e non conformarnos só polo compromiso que nos ofrece Deus debido á nosa debilidade. Pero a ética do Antigo Testamento é básica para as ensinanzas de Xesús e El deunos as ferramentas que necesitamos para implementalas. Se o Antigo Testamento era tan central para Xesús, a verdadeira pregunta non é "Como podemos, como cristiáns, aplicar a ética do Antigo Testamento ás nosas vidas?" senón "Como non?" Xesús xa nos fixo posible facelo. E, ao morrer e resucitar, el gañou o dereito de abrigarnos cando non o logramos facer.
John Goldingay é profesor do Antigo Testamento no Fuller Theological Seminary. Este artigo está adaptado do seu libro Ética do Antigo Testamento: unha visita guiada (IVP Academic).