In this series
Salta á lectura diaria: Domingo | Luns | Martes | Mércores | Xoves | Venres
Domingo: Deitado nunha Manxadoira
Lectura de Hoxe: Lucas 2:8–20
Chegara xa a plenitude dos tempos. Durante miles e miles de anos, o pobo de Deus agardou a chegada do maior fillo de David, o Mesías-Rei de Israel. O Príncipe da Paz prometido. E agora, os maiores soños dos seus profetas, soños fraguados por Deus, fixéronse realidade cando os coros de anxos anunciaron: O Rei está aquí! Hoxe mesmo naceu!
Na chegada do Mesías, marabillámonos —aínda que o esperabamos— de que un anxo do Señor dese tal anuncio. Quedamos coa boca aberta —aínda que o esperabamos—, porque todo un exército de anxos estalase en loanzas. Poderiamos incluso esperar que esta proclamación resoase polos salóns reais, ou no templo… ou en calquera outro lugar que non fose un campo escuro preto de Belén… a uns pastores.
O fedor animal das súas roupas, a súa posición social innobre e a sucidade que levarían baixo as unllas, non descualificaban a estes pastores para recibir a palabra do Señor. Á fin e ao cabo, esta boa nova de gran alegría era “para todo o pobo” (Lucas 2:10) e, lemos máis tarde, especialmente para “os pobres” (4:18).
E cal dixo o anxo que sería o sinal desta boa nova? Buscade a pobreza do Mesías: estará deitado nun presebe. Unha manxadoira. Cheirará coma vós, ditosos pastores. En circunstancias humildes. Apartado ás marxes. De feito, “Ditosos vós os pobres, porque voso é o Reino de Deus” (6:20).
E ditosos tamén somos nós cando, coma os pastores, recibimos esta boa nova e apresurámonos a atopar a Xesús por nós mesmos. Non foi así como comezamos con Cristo? Non entendemos todo o que el é, nin todo o que el fixo, nin a maneira na que todo iso pode transformarnos por completo. Simplemente sabiamos que precisabamos velo a el, coñecelo a el. E cando o fixemos, ¿como poderiamos non proclamar a boa nova, “glorificando e loando a Deus”, por canto vimos e escoitamos (v. 20)?
Este patrón: escoitar o evanxeo, apresurarse a atoparse con Xesús, entón proclamar o evanxeo e loar a Deus… non é así tamén como seguimos na fe? Non é esta receitada adoración que mantén viva a nosa perseveranza? Non é este o chan onde florece a esperanza?
O reino de Deus está cheo de historias coma estas: pastores humildes que se fan estimados anunciadores de salvación; recadadores de impostos e prostitutas que se fan amigos de Deus; os parvos e débiles que avergoñan aos sabios e fortes. Incluso a nosa Esperanza en persoa —“o Mesías, o Señor” (2:11) — que unha vez se deitou nunha manxadoira.
— Quina Aragon
Luns: A Alegría dos Nosos Desexos
Lectura de hoxe: Lucas 2:22–38
As vidas de Simeón e Ana estaban para rematar. A maioría da xente pensaría que xa perderan a oportunidade de ver como se cumprían as súas esperanzas e soños. Mais foi nese momento cando Deus fixo a súa aparición máis espectacular. Xusto neses momentos, cando toda esperanza parecía perdida, María e Xosé puxeron esas mesmas esperanzas e soños nos seus brazos, na forma dun meniño acabado de nacer: Xesús, o Mesías. Deus é así. Unha e outra vez, Deus aparece na historia e nas nosas vidas, cando ninguén o esperaría.
Quizais, como Simeón, teñamos servido e adorado a Deus cheos de gozo durante toda a vida. E quizais tamén sentimos a Deus dicindo que o que estamos a vivir agora non é o final; que hai algo máis.
Pode ser que, como a profetisa Ana, teñamos pasado toda a vida ao carón de Deus, e o máis preto posible do seu pobo. Estivemos onde está Deus, sacrificándonos e amando ás persoas, pero o que nos tocou polo camiño foi dor e sufrimento. Quizais cada mañá espertemos con grandes expectativas, para acabar sempre decepcionándonos. Se cadra, pasan os días e nada cambia. A vida mesma pode sentirse como unha decepción. Podemos cuestionar se realmente o que sentimos viña de Deus ou non.
Para Simeón e Ana, nun día ordinario que comezara coma todos os demais, de súpeto, todo cambiou. María e Xosé foron ao templo para cumprir a Lei mosaica ofrecendo a Deus o seu primoxénito fillo, Xesús. Nese tardío momento kairos, o Espírito Santo empurrou a Simeón e despois a Ana na dirección da sagrada familia. Aínda que ámbolos dous estaban próximos á morte —coa pel desgastada, con marcas da idade, cos corpos alombados, con movementos lentos e limitados—, Deus apareceu coa face fresca, tan vivo como podía estar, con ollos escintilantes e pel sempre suave, como un bebé acabado de nacer. Imprevisible e inesperado.
A testemuña de Simeón e Ana fálanos, recordándonos que Deus segue aparecendo nas nosas vidas, moitas veces inesperadamente. El irrompe, traendo un gozo inimaxinable ás nosas vidas cotiás.
E non só nesta vida, senón tamén na vida futura, cando as nosas esperanzas e soños serán finalmente realizados en Deus mesmo.
Daquela, con Simeón e Ana, podemos exclamar o sentimento do gran himno: “Xesús, a alegría dos nosos desexos”. A nosa esperanza e os nosos soños son feitos realidade —e así será continuamente— en Cristo, agora e para sempre.
— Marlena Graves
Martes: Unha Alegría Disruptiva
Lectura de Hoxe: Mateo 2:1–12
A gran historia da redención de Deus está chea de ironía. Aínda que Mateo subliña que Xesús é o Mesías prometido en virtude do cumprimento das Escrituras polo seu lugar de nacemento, tamén presenta aos seus lectores xudeus un misterioso grupo de estranxeiros: os Magos de Oriente. Inmediatamente, vemos a Cristo facendo dende neno que as nacións “veñan para el” (Isaías 11:10; 60:1-6).
Esta caravana migrante de xentís entra na Cidade Santa —o centro da vida relixiosa xudía e a residencia de Herodes, o chamado “rei dos xudeus”— coa idea de atopar e adorar ao verdadeiro “rei dos xudeus” (Mateo 2:2). A ironía aquí case provoca a risa, ata que notamos a aparente indiferenza dos xefes dos sacerdotes e dos escribas polo nacemento de Cristo. E ata que vemos que a falsa adoración de Herodes resulta na matanza de bebés.
Máis que entretida, a ironía é incriminatoria. A intención dos Magos contrasta marcadamente coa de Herodes. Aínda que uns e outros foron informados polas Escrituras, e uns o outros preguntaron sobre o paradoiro de Cristo, Herodes urdiu un plan secreto para tratar de eliminar esta ameaza mentres os Magos simplemente seguían á estrela cunha alegría desbordante.
Tamén vemos un marcado contraste entre a actitude de adoración dos Magos e a aparente inacción dos principais sacerdotes e escribas. É evidente que estar preto da verdade non é suficiente. Estarían avergoñados estes especialistas do Mesías por non recoñeceren a súa chegada antes que estes pagáns? Por que a súa pericia teolóxica non espertou neles unha preparación como vemos nos atentos Magos? Será que a súa capacidade de resposta espiritual estaba afectada pola súa fame de poder e pola sede de privilexio ao aliarse cun rei tiránico?
“Ditosos os famentos e sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos”, di a Escritura (5:6). Esta é a realidade que vemos encarnada polos Magos xentís. A súa alegría desbordouse en adoración cando viron ese brillante sinal de esperanza descansar sobre a casa da Esperanza en persoa (ver Núm. 24:17). Viaxaron de lonxe para axeonllarse con gusto ante o “rei dos xudeus” que, ao parecer, tamén é o “rei das nacións” (Apocalipse 15:2-4).
O amor de Deus é un escándalo, demasiado grande para contelo, demasiado chocante para predicilo. Torna os pagáns en adoradores de Cristo, os estranxeiros en heroes da fe. Estamos dispostos a aprender destes inadecuados líderes e da súa xenerosa e humilde adoración? Se o estamos, quizais encarnaremos tamén unha fermosa ironía: unha alegría disruptiva, unha brillante esperanza que atravesa a escuridade dos nosos tempos.
— Quina Aragon
Mércores: Guerra de Nadal
Lectura de hoxe: Mateo 2:1–18; 1 Xoán 3:8
Ata este momento da narración do nacemento de Xesús, todo foi música e alegría. Houbo coros anxélicos, pastores apresurados e sabios buscando adoralo. Pero aquí, en Mateo 2:16-18, temos o recordatorio brutal e contundente de por que Xesús veu ao mundo en primeiro lugar. “Herodes, decatándose de que fora burlado polos magos, incomodouse moito. E, botando contas polos datos dos magos, mandou matar a todos os nenos de dous anos para abaixo, de Belén e da bisbarra” (v. 16).
Nesta pasaxe atopámonos cunha realidade desconcertante e perturbadora: hai maldade e perversidade neste mundo. O terrible pecado goberna e reina no corazón de homes e mulleres. Deixados á nosa sorte e baixo a influencia do Malvado, os humanos pódense entregar a mentiras asasinas e a enganos. Vémolo claramente nas accións de Herodes; non podería ser máis ruín. Aquí mesmo, na historia da Natividade, mentres aínda parece escoitarse o cantar aos anxos, Satanás e os seus secuaces asasinan unha morea de bebés.
A frustración de Herodes deixa paso á furia e aboca esta rabia impía. Só podemos imaxinar o horror que se apoderou de Belén cando Herodes enviou aos seus escuadróns da morte, matando nenos. Este é o acto brutal e monstruoso dun gobernante sádico baixo a influencia de Satanás. Esta atrocidade na historia do Nadal é un recordatorio severo e sobrio para nós, no medio do noso cantar, de que a razón pola que Xesús veu foi para loitar. Hai unha guerra e Xesús veu para conquistar o noso pecado.
O Nadal non se trata de cintas e etiquetas. Non se trata de paquetes, nin caixas, nin bolsas. Trátase dunha guerra espiritual. 1 Xoán 3:8 dinos que se trata do nacemento do Fillo de Deus para vencer o noso pecado e destruír as obras do demo.
Celebramos a paz e a beleza do Nadal. Celebramos mentres cantamos: “Ao mundo paz! Naceu Xesús”. Pero recordemos tamén este escuro suceso da historia do Nadal, porque a matanza dos bebés de Belén lémbranos por que naceu Xesús. Cristo veu ao mundo para conquistar o noso pecado e destruír as obras do Maligno.
— Anthony Carter
Este artigo está adaptado dun sermón predicado por Anthony Carter o 24 de decembro de 2017. Usado con permiso.
Xoves: Un Novo Advento
Lectura de hoxe: Xoán 1:1–18
A Palabra —a fonte da Creación, a verdadeira luz— entrou na humanidade como un neno indefenso nacido en circunstancias humildes. Dende a perspectiva humana, o nacemento de Xesús é bastante chocante. Por que el, o Deus-home, non apareceu por primeira vez como un mozo vigoroso, lucindo os seus divinos músculos e facendo proezas espectaculares para que todos os vexan? Os anxos poderían ter tocado a trompeta por todo o mundo á súa chegada. Pero non o fixeron; un coro de anxos iluminou o ceo nocturno para uns pastores senlleiros.
Compara a chegada de Xesús coas dos xenerais romanos do século primeiro, que entraban na cidade con pompa e ostentación despois dunha vitoria militar. Querían ver e ser vistos, co obxectivo de impresionar mentres amosaban seu poder esixindo homenaxe. Xesús veu tranquilo e discreto, sen esixir nada.
O estilo da chegada de Xesús, a súa vida entre campesiños xudeus e a súa eventual execución como criminal, certamente parecen un plan contraintuitivo se quería persuadir ao mundo de que era o Mesías. Con todo, Xoán afirma: “a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade” (1:14).
A gloria da que fala Xoán non se axusta ás nosas concepcións humanas de gloria e poder. Mentres os discípulos foron testemuñas de moitos exemplos milagrosos do poder de Cristo, no evanxeo de Xoán a maior demostración da gloria de Xesús é a Cruz. Xesús mesmo di isto claramente: “‘Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home … E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min’. Dicía isto, indicando de que morte había de morrer” (12:23, 32-33).
A impactante humildade do presebe apunta cara á humillación da Cruz. Esta é a nosa esperanza, estraña e allea a este mundo: a Palabra que naceu como un meniño indefenso é o Salvador que veu para sufrir a morte dun criminal, por nós. Cando o recibimos, di Xoán, entramos na súa luz e na súa vida.
Ás veces atópome entre os seguidores de Xesús que aínda loitan con preguntas (p. ex., Mateo 28:17; Marcos 9:24; Xoán 20:24-29). Cando me pasa, volvo a Xoán 1:14. Os discípulos viran a Xesús e estiveran con el. Comeran con el, viaxaran con el, pescaran con el, riran con el, atopáranse con el, con Deus, cara a cara. Na súa vida, morte e resurrección, Xesús transformounos tan profundamente que estaban dispostos a abandonalo todo para sufrir e mesmo morrer por Xesús. Esa realidade calma as miñas dúbidas.
Tamén penso no milagre que celebramos esta Noiteboa: Xesús, o neno do presebe, a pesar de “ser de condición divina”, “espiuse do seu rango” por nós (Fil. 2: 6-7). Penso no neno Cristo que medrou para morrer e resucitar polos meus pecados, ofréceme unha verdadeira esperanza e fai que todas as cousas sexan novas. Neses momentos, Xesús, Fiel e Verdadeiro, o Camiño, a Verdade e a Vida, preséntaseme de novo (Apocalipse 19:11; Xoán 14:6). Un novo advento.
— Marlena Graves
Venres: O Derradeiro Nadal
Lectura de hoxe: Isaías 9:6–7; Lucas 2:4–7; 1 Pedro 1:3–5, 13
Herodes e o Demo intentaron que o Nadal non chegase, porque a chegada do Rei de Reis era un pensamento espantoso. Pero o Nadal chegou igual. Satanás non puido deter os plans de Deus, que foron establecidos para sempre. Non puido impedir que Cristo nacera. Non puido impedir que Xesús morrese na cruz. Non puido impedir que Cristo resucitase dos mortos. Non puido impedir que Cristo construíse a súa igrexa. Non puido impedir que Cristo te salvase. E Satanás non pode impedir que Cristo chegue ao teu fogar. Pon a túa confianza no Rei que non só veu, senón que algún día volverá.
Este día de Nadal, mentres celebramos o nacemento de Cristo, centrémonos en por que veu. E tamén lembremos que hai outro Nadal por chegar. O Señor, noso Deus, aínda non rematou.
A pesar do que digan os detractores, Xesús está a vir de novo. A pesar do que dubiden os dubidosos, Xesús está a vir de novo. A pesar do que digan os escépticos, Cristo virá de novo. Como nos di a Escritura: “Velaquí vén nas nubes, e todo ollo o verá” (Apocalipse 1:7).
Amados, lembremos: cada Nadal é un Nadal máis para chegar a este derradeiro Nadal no que o propio Señor descenderá do ceo cun grito e coas voces dos anxos e as trompetas de Deus (1 Tes. 4:16). Se cres que o anuncio do seu nacemento dos anxos aos pastores foi forte e glorioso, só agarda a que chegue o seu Segundo Advento.
Para os que non cren, a chegada de Cristo será espantosa. Pero para os que confían en Cristo, a chegada do Señor é deliciosa. Dicimos: “Ven, Señor!” Marana ta! (1 Cor. 16:22). Aínda que non sabemos cando nin como virá, oramos: Ven Señor Xesús, ven. Nós, a túa xente, agardámoste. Queremos ser achados fieis. Queremos perseverar. Ven, Señor Xesús.
Este día de Nadal, celebramos o milagre da Encarnación. Xuntámonos cos pastores que se apresuraron a ver o neno no presebe, glorificando e loando a Deus. Adoramos cos sabios que se axeonllaron ante o neno Cristo. Alegrámonos das Boas Novas de graza polas que Xesús veu, morreu e resucitou. Vivimos con esperanza. E lembramos que este Nadal é un Nadal máis preto do glorioso derradeiro Nadal que agardamos. Con todo o que temos, cantamos: “Ven, Señor Xesús, ven”.
— Anthony Carter
Este artigo está adaptado dun sermón predicado por Anthony Carter o 24 de decembro de 2017. Usado con permiso.
Colaboradores:
Quina Aragon é unha autora e artista da Spoken word. Entre os seus libros para nenos inclúense Love Made e, en breve, Love Gave (febreiro de 2021).
Anthony Carter é o pastor principal da East Point Church en East Point, Georgia. Os seus libros son Running From Mercy, e Black and Reformed.
Marlena Graves é escritora e profesora adxunta. É a autora de The Way Up Is Down, e de A Beautiful Disaster.
Tradución: Rubén Acuña Fernández e o Equipo Albízaras