Semana de Advento 1: Volverá en Gloria

Lecturas devocionais de Advento do Christianity Today.

Christianity Today November 28, 2020
Illustration by Jared Boggess

Salta á lectura diaria: Domingo | Luns | Martes | Mércores | Xoves | Venres | Sábado

Domingo: Intermedio

A lectura de hoxe: Apocalipse 1:4-9; 19:11-16; 21:1-5, 22-27; 22:1-5

Case de inmediato, o primeiro capítulo de Apocalipse eleva a nosa mirada para contemplar unha gloria que transcende completamente as nosas circunstancias terreais. “Eu son a Alfa e a Omega… o que é, o que era e o que está a vir”(1:8) O noso Salvador “aquel que nos ama, que nos liberou dos nosos pecados” volverá; “Velaquí vén nas nubes, e todo ollo o verá” (vv.5,7). Xoán continúa describindo unha marabillosa visión do propio Cristo; un encontro tan impresionante que Xoán cae “ós seus pés coma morto” (v.17).

Pero xusto no medio destas dúas pasaxes gloriosas atopamos unha liña que podemos pasar por alto facilmente: a breve descrición da súa vida e da vida dos destinatarios da súa carta. Xoán escribe que el é un “compañeiro no sufrimento, no reino e na esperanza en Xesús” (v.9). Xoán escribiu Apocalipse mentres estaba no exilio; a súa carta circulou no medio dunha igrexa en sufrimento e baixo presión, que enfrontaba unha persecución que non faría máis que empeorar nas seguintes décadas. Os destinatarios iniciais do Apocalipse estaban a vivir dúas realidades superpostas: a súa certeza no reinado soberano e o glorioso retorno de Cristo, e a súa experiencia terreal e diaria de espera e sufrimento.

Case dous mil anos máis tarde, nós aínda vivimos entre estas dúas realidades superpostas. Neste caso, entre a primeira vinda de Cristo e o seu glorioso retorno, as nosas vidas poden tamén experimentar unha mestura do reino e da confianza ao mesmo tempo que da espera e do sufrimento.

Non é de estrañar que as honestas palabras de Xoán acerca do sufrimento e da necesidade da esperanza paciente estean entretecidas nas súas visións de gloria, posto que é esta visión do que ha de vir o que facilita e alenta un aguante semellante. Considera as realidades descritas no final apoteótico de Apocalipse: Cristo vitorioso, montado nun cabalo branco derrotando o mal; “un ceo novo e unha terra nova” sen tristeza nin morte, onde “a tenda de Deus (está) onda os homes”(21:1,3) e unha Cidade Santa onde xente de todas as nacións se reúne baixo a luz da gloria de Deus. Á vista desta realidade eterna e definitiva, calquera circunstancia temporal, por moi difícil que sexa, perde a súa importancia.

A idea da esperanza paciente repítese varias veces en Apocalipse 1-3, a miúdo emparellado cunha linguaxe de vitoria e conquista. A esperanza non é só paciente, senón tamén tenaz, valente, forte. E isto é o que Deus nos da mentres vivimos no intermedio. En Cristo atopamos, como o himno clásico di, “fortaleza para hoxe e unha brillante esperanza para o mañá”.

Kelli B. Trujillo

Contempla Apocalipse 1:4-9; 19:11-16; 21:1-5, 22-27;

e mais

22:1-5

. Como impacta o feito de meditar sobre este futuro na túa perspectiva das circunstancias actuais? Ora, pedindo a Deus que fortaleza a túa paciencia e avive a túa esperanza de futuro.

Luns: Profetiza Esperanza

A lectura de hoxe: Zacarías 9:9-17; Romanos 5:3-5; 8:18-30

“A esperanza comeza na escuridade…” Nunca puiden desprenderme destas palabras do libro Bird by Bird de Anne Lamott. A linguaxe de esperanza converteuse nun motivo na miña vida nos últimos tempos; non nun senso abstracto, senón como unha actividade viva, unha loita, un compromiso, unha disciplina.

O teólogo Jürgen Moltmann enraíza a linguaxe de esperanza na resurrección de Xesús e na práctica da protesta. Ás veces, a esperanza semella a única linguaxe suficientemente poderosa para contrarrestar a desesperación. Ou quizais é, en palabras de Lamott, unha clase de “paciencia revolucionaria”

Sexa o que for a esperanza, hai algo moi dentro de cada un de nós que berra de expectación. Ás veces, non é mais que un murmurio, pero está aí. Así e todo, aínda que a esperanza xurde das profundidades da alma, a miúdo se manifesta nas tebras. A esperanza empeza no caos.

Hai días nos que semella que nunca escapamos de debaixo daquela nube que cubriu o mundo durante a crucifixión de Xesús. O quebrantamento e a carga que soporta o noso mundo semella tanto á escuridade que Elie Wiesel, cando contaba os horrores de Auschwitz e do Holocausto, só acertou a chamarlle a Noite. Debemos recoñecer a verdade da dor e tamén a dor da esperanza.

Hai xa algún tempo, sentei coa miña avoa e pedinlle que me contase cousas da súa vida. Ao principio non quería. Só puiden imaxinar cantas feridas profundas cargaba aos seus 80 anos de vida. As súas historias eran duras. É difícil explicar o que significou para ela vivir no sur dos Estados Unidos sendo unha muller negra. Unha palabra logrou captar a audacia de sobrevivir no medio dun mundo tan cruel: o Amor. “O Señor aínda non me fallou”, dicía ela.

O amor radical, que transforma vidas, comunidades e o mundo enteiro é o camiño de Xesús. El viu predicando as boas novas do reino e sandando todo tipo de enfermidades e aflicións. Profetizar esperanza é un amor perigoso.

Martin Luther King Jr. dixo: “O poder, na súa mellor manifestación, é o amor implementando as demandas da xustiza; e a xustiza, na súa mellor manifestación, é o amor corrixindo todo o que se opón ao amor”. Isto é o que significa pararse como profetas do amor, do poder e da xustiza no medio deste mundo ou, utilizando a linguaxe bíblica de Zacarías, ser “prisioneiros de esperanza” (9:12). Como alguén unha vez dixo: “Non sei o que vai traer o día de mañá, pero si sei quen domina o mañá”. Mentras o mañá chega, eu profetizarei esperanza hoxe.

Dante Stewart

Este extracto foi adaptado dun artigo máis longo chamado “Por que aínda Profetizamos Esperanza”, publicado o 21 de Outubro , 2019, en ChristianityToday.com.

Le Zacarías 9:9-17

e

Romanos 5:3-5; 8:18-30

. Reflexiona acerca do aspecto que ten a esperanza “na escuridade”. De que xeito o sufrimento produce esperanza e amor? En que xeito pode a primeira vinda de Cristo e o seu retorno futuro axudarte a profetizar esperanza hoxe?

Martes: Ven, Señor Xesús

A lectura de hoxe: Xoán 1:1-5,14; Apocalipse 22:12-13, 20

No seu evanxeo, Xoán di: “No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus, e a Palabra era Deus… E a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda” (1:1,14). Temos un Deus que veu. Veu para facer tanxible o intanxible e visible o invisible. Veu para facerse a si mesmo coñecible. Pero a nosa esperanza non reside en que el veu; tamén é que vai chegar axiña.

El está de volta. Esta promesa é o que pode dar sentido á dor e á frustración que experimentamos neste planeta hoxe. Cando retorne, os xustos serán vindicados. Cando retorne, traerá consigo a reivindicación pola burla que soportastes por crer nun Deus que non é visible. Cando retorne, todas as persoas que intentaron converterse en potestades e gobernadores serán botados a terra, e poderemos ver que sempre houbo un só señor de señores e un só Rei de Reis. De súpeto, a nosa fe tornarase vista. Veremos a aquel con quen e de quen falabamos.

En Apocalipse 22, Xesús di: “Mira que vou chegar axiña e traio comigo a miña paga, para lle pagar a cada un conforme o seu traballo. Eu son o Alfa e o Omega, o Primeiro e o Ultimo, o Principio e a Fin” (vv. 12-13). Xoán anota: “Quen testemuña estas cousas, di: ‘Si, veño axiña’ ” (v.20). E é coma se Xoán non tivese nada mais que engadir antes de rematar a súa carta que isto: “¡Amén! ¡Ven, Señor Xesús!” (v.20).

Cando miramos cara ao futuro, pode ser que as cousas non marchen do xeito que nos quixésemos no noso país. Pode que a economía non progrese do xeito que nós queremos. Pode que máis nenos sexan feridos polas armas, o tráfico sexual ou polas drogas. Pode que os matrimonios pasen por probas, podemos ter que enfrontar enfermidade, pode que suframos polos nosos netos. En todo isto, temos esta esperanza: Aínda así, ven, Señor Xesús.

Sexa o que sexa que teñamos que afrontar, sabemos que el está de camiño. Un día destes, o ceo vai rachar, o anxo tocará o seu corno, e todo o mundo verao á vez. Toda a creación responderá cando o noso Señor baixe dos ceos para dicir: É tempo de que veña a redimir a miña igrexa. Amén. Ven, Señor Xesús.

Charlie Dates

Este artigo foi adaptado dun sermón que Charlie Dates predicou o 22 de Decembro, 2019. Usado con permiso.

Medita En Xoán 1:1-5

,

14

e

Apocalípse 22:12-13, 20

, considerando o enfoque dual do Advento: Xesús veu e tamén está de volta. Que significa para ti dicir: "Aínda así, ven Señor Xesús"?

Mércores: Advento e Apocalipse

Lectura de hoxe: Marcos 13:24–37; Lucas 21:25–28

Durante o Advento escoitamos pasaxes das Escrituras que están impregnados dunha linguaxe de escuridade, tribulación e apocalipse. Mateo, Marcos e Lucas teñen cadanseu capítulo totalmente apocalíptico. En Marcos 13, Xesús di: “Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino” (v. 8). A pasaxe torna cada vez mais lúgubre a medida que avanza. “Pero naqueles días, pasada xa aquela angustia, o sol hase escurecer, a lúa deixará de aluar, as estrelas caerán do ceo, abalarán as potencias do ceo”(vv. 24-25). Por que fala Xesús de morte e destrución deste xeito, en vez de falar de ovellas, pastores e hostes celestiais?

Nas Escrituras, os escritos apocalípticos xorden da catástrofe. Os israelitas eran un pobo favorecido; Deus prometéralles un futuro de seguridade e de prosperidade. Pero entón, foron conquistados e levados á forza ao exilio no imperio babilónico. Humanamente falando, non había esperanza para eles. Cando os israelitas se atoparon en crise, tratouse dunha “emerxencia teolóxica”. Foi a partir desa emerxencia que un novo pensamento apocalíptico tomou forma. Comezou coa segunda metade de Isaías (capítulos 40-55), escrito durante o cativerio babilónico, cando toda esperanza semellaba perdida, e prosperou a partir dese instante. Nos tempos de Xesús, a linguaxe apocalíptica xa se atopaba en todas partes.

A teoloxía apocalíptica é principalmente a teoloxía da esperanza; e a esperanza é o polo oposto do optimismo. O optimismo fracasa cando se ve engulido pola escuridade. Polo contrario, a esperanza atópase en algo que transcende a historia humana. Atópase nun Deus encarnado.

No evanxeo de Lucas, cando Xesús fala de xeito apocalíptico de “sinais no sol, na lúa e nas estrelas” e da “angustia das nacións”, remata dicindo que todos “verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria”(21:25-27). Xesús está a falar da súa segunda vinda. Estanos a dicir que a nosa gran esperanza non ven a través de ningún progreso humano, senón a través del mesmo. El posúe un poder soberano que é independente da historia humana. A pesares da patente escuridade, Deus en Cristo está dando forma á nosa historia de acordo aos seus propósitos divinos.

O Advento convídanos a mirar cara a cara a escuridade e chamala polo seu nome. Pero non é o final da historia. Xesús dixo: “poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación”.

Fleming Rutledge

Este extracto foi adaptado dun artigo máis longo chamado Por que o Apocalipse é Esencial para o Advento”, publicado o 18 de Decembro 2018, en ChristianityToday.com.

Le Marcos 13:24-37 e Lucas 21:25-28.

Que parte das ensinanzas de Xesús te atraen mais? Que partes son mais difíciles de lidar? En que xeito estas descricións do poder soberano de Deus aumentan a túa esperanza?

Xoves: Unha Pregunta Máis Importante

Lectura de hoxe: 2 Pedro 3:8–15

Por que está tardando tanto? Por que aínda non volveu como prometera? Os destinatarios da segunda carta de Pedro poderían ter preguntado cuestións como estas; cuestións que continúan repetíndose no noso tempo. Pedro dirixiuse a eles cunha estraña seguridade: primeiro, que a elección dos tempos de Deus reflicte a súa paciencia e amor salvífico e, segundo, que o Dia do Señor será terrible e traerá consigo destrución por lume.

A linguaxe apocalíptica como a de Pedro (similar á de Xesús en Marcos 13 e Lucas 21) danos que pensar. Que significa “destruído con lume” e “destrución dos ceos con lume”? Isto é algo que deberíamos temer?

Os versículos anteriores de 2 Pedro dannos certa perspectiva para comprender a linguaxe de destrución empregada no capítulo 3. No 2:5, fáisenos un paralelismo cos tempos de Noé, cando Deus destruíu a terra con auga. Ese xuízo anterior non significou que Deus destruíse por completo toda a creación. De xeito similar, o xuízo final con lume non quere dicir que Deus vai incinerar toda a terra para facer sitio para a chegada do ceo novos e a terra nova. Como Pedro describira no libro de Feitos, Cristo está no ceo “deica o tempo da restauración de todas as cousas, que Deus anunciou por boca dos seus santos profetas” (3:21). O novo mundo virá a través da gran restauración e redeseño pola parte de Deus do mundo que temos agora.

Entrelazada na discusión, Pedro fai unha pregunta importante que merece máis a nosa atención que as nosas elucubracións acerca dos tempos de Deus e do xeito en que o regreso de Cristo terá lugar. Á luz do próximo Dia do Señor, Pedro pregunta “con que santo xeito e prácticas de piedade tedes que vivir” (2 Ped. 3:11). Pedro ínstanos a responder cunha vida de santidade e de esperanzada anticipación, “esperando ” un ceo novo e unha terra nova (vv. 11-14). Atopamos estes mesmos temas resaltados na primeira carta de Pedro, onde insta aos crentes a vivir cunha confianza gozosa e a poñer os seus ollos con esperanza na vinda de Cristo. (1 Ped. 1:3-5, 13).

Somos persoas de esperanza, como aqueles a quen xa lles contaron o final dunha novela chea de xiros, voltas, e acontecementos inesperados. Coñecemos a fin da historia; o noso coñecemento do final abraiante que nos agarda pode impactar o xeito en que afrontamos o presente. Quizais non saibamos cando ou como sucederá, mais podemos confiar en que a fin inclúe xuízo e vindicación para o pobo de Deus. Como é posible que a noticia dun xuízo final sexa unha razón para o ánimo máis que para o medo? Mesmo as mellores partes deste mundo, Deus vainas facer mellores do que podemos imaxinar. Xuízo, vindicación, e transformación están en camiño. A verdadeira terra prometida agárdanos.

Vincent Bacote

Considera 2 Pedro 3:8–15.

(Opcionalmente, le tamén 1 Pedro 1:3–5, 13). Que interrogantes expón esta pasaxe para ti? Que emocións esperta? De que xeito afecta o teu discipulado diario a túa esperanza no próximo “Día do Señor”?

Venres: Agardando que Empece a Festa

Lectura de hoxe: 1 Tesalonicenses 4:13–5:11

Tocante ao tempo preciso, irmáns, tampouco non precisades que vos escriba, que vós mesmos sabedes á perfección que o "Día do Señor" chegará coma o ladrón pola noite. 1 Tesalonicenses 5:1–2

Unha das cousas que máis me gusta facer como profesor é mostrar películas que poderíamos chamar “cine escatolóxico”. Moitos destes filmes céntranse no Rapto; unha interpretación de Tesalonicenses 4:17 onde o termo “arrebatados” se entende en alusión a un regreso invisible de Cristo cando veña a levar consigo a súa igrexa para o ceo antes de que comece a Tribulación. O obxectivo destes filmes é o de fomentar a conciencia de que Xesús pode regresar en calquera momento.

A variedade de opinións en canto ao Rapto e outros temas relacionados coa fin dos tempos é ampla, e cando chegamos a Tesalonicenses 4-5, poderíamos facilmente rematar poñendo a nosa atención unicamente na parte do texto. Pero hai outros moitas cuestións importantes acerca do regreso de Cristo que tamén merecen a nosa atención, incluíndo tamén o que parece ser a énfase maior de Paulo: animar aos cristiáns que están vivos nestes intres respecto á situación dos crentes que xa faleceron. Serán “deixados atrás” e perderanse o regreso de Xesús?

Paulo anima ós Tesalonicenses (e a nós) xa que non necesitamos preocuparnos por se Deus esquece a quen morreu. A resurrección de Cristo é garantía de que a morte non é ningunha barreira para a participación no novo mundo que chega coa segunda vinda de Cristo. Tanto se estamos vivos ou mortos, a nosa relación con Cristo é todo o que precisamos para estar na listaxe de invitados cando o Día do Señor veña.

Cando Cristo chegue, fará unha entrada espectacular, con fanfarra incluída. Incluirá “o son da trompeta de Deus” (4:16); expresión que os tesalonicenses terían entendido como a escenificación do regreso do dirixente máis vitorioso de todos. De xeito diferente a calquera outro toque de trompeta, esta trompeta levantará os mortos, quen se unirán aos vivos para dar a benvida a Cristo.

Vemos temas similares na primeira carta de Paulo aos Corintios, na que tamén aborda preocupacións sobre a morte, “o último inimigo” que Cristo ha de destruír (15:26). Paulo asegura aos Corintios que “soará a trompeta e os mortos resucitarán incorruptibles e nós apareceremos transformados” (15:52). O “aguillón” (v.55) da morte volverase impotente como resultado da vitoria definitiva de Cristo.

Mentres agardamos ese día, somos chamados a prepararnos, “revestidos coa coiraza da fe e da caridade e co casco da esperanza da salvación” (1 Tes.5:8). Esta chegada “como ladrón pola noite” virá de sorpresa porque ninguén, á parte de Deus, sabe cando sucederá; mais será a maior festa sorpresa de todos os tempos para todos aqueles que agardamos con expectación o seu regreso.

Vincent Bacote

Reflexiona en 1 Tesalonicenses 4:13–5:11.

(Opcionalmente, le tamén 1 Corintios 15:51–58.) Como describirías a énfase e o ton de Paulo aquí? De que xeito se agrega a esperanza? Por que é significativo que o Segundo Advento virá “como un ladrón pola noite”?

Sábado: Esperanza para os Disfuncionais

Lectura de hoxe: 1 Corintios 1:1–9

Cando lemos acerca do regreso de Cristo en 1 Corintios, é importante recordar o contexto da carta de Paulo. A igrexa de Corintios era unha comunidade profundamente disfuncional. Na epístola de Paulo, lemos sobre faccións na igrexa que seguían a diferentes líderes, prácticas sexuais escandalosas, controversias sobre a carne sacrificada aos ídolos, e moitas cousas máis. Aínda que esta comunidade cristiá estaba chea de disfunción, en 1 Corintios 1:1-9, Paulo identifícaos como persoas santificadas, ou "santos". Continúa, entón, recordándolles que Deus fora moi xeneroso con eles ao proporcionarlles dons espirituais e descríbeos como persoas que “agardan con entusiasmo” o regreso de Cristo. Paulo salienta a graza (v. 4) e o compromiso de Deus con eles: “El é quen vos manterá firmes deica á fin” (v. 8) A pesar de que a súa débil fe se manifesta nos comportamentos e actitudes pecaminosas, a fidelidade de Deus cara a eles (e cara a nós) implica o compromiso de Deus de axudar ao seu pobo a crecer e transformarse na imaxe de Cristo.

Mentres que o capítulo 1 salienta que Deus, a través da súa graza, manterá os cristiáns de Corinto “firmes deica á fin”, na mesma carta, Paulo describe o regreso de Cristo e urxe aos corintios: “meus irmáns queridos, mantédevos firmes e inabalables” (15:58, énfase engadida). Paulo chámaos a unha determinación que é parte inextricable de agardar o regreso de Cristo. A pesar das súas faltas e defectos, Paulo fai unha chamada á transformación e á determinación.

Vemos unha imaxe similar de determinación noutra das cartas de Paulo: mentres agardamos “a bendita esperanza e a manifestación gloriosa do noso gran Deus e Salvador Xesús Cristo”, a graza de Deus “ensínanos que reneguemos da impiedade e das cobizas mundanas” (Tito 2:11-14).

Non podemos ler 1 Corintios, nin ningunha outra carta de Paulo, sen reparar na denuncia enérxica que fai do pecado e a disfunción. Pero, tal e como 1 Corintios 1:8-9 revela, Paulo trata estas grandes preocupacións dentro dun marco de grande esperanza. Somos chamados a facer a nosa parte mentres Deus, na súa graza, fai o seu traballo nas nosas vidas.

Isto serve de exemplo e de ánimo para nós. O máis probable é que a maioría de nós teñamos tido os nosos momentos de disfunción espiritual, pero non debemos enfocarnos nas nosas fallas. Pola contra, miramos a Cristo, quen non só fixo a reconciliación con Deus posible, senón que tamén adquiriu o compromiso con nós de presentarnos sen mancha diante de Deus cando o seu reino veña. A Deus grazas, a súa fidelidade é maior que a nosa disfunción.

Vincent Bacote

Considera 1 Corintios 1:1–9

á luz das disfuncións nesta igrexa. (Opcionalmente, volve a ler tamén 1 Corintios 15:51–58 e le Tito 2:11–14.) Que salienta Paulo sobre Deus? Sobre a formación espiritual? Sobre o regreso de Cristo? De que xeito isto te da esperanza?

Colaboradores:

Vincent Bacote é profesor asociado de teoloxía no Wheaton College. É o autor de The Political Disciple: A Theology of Public Life.

Charlie Dates é pastor principal da Igrexa Bautista Progresista de Chicago. Ten un Doutorado en Historia da Teoloxía pola Trinity Evangelical Divinity School.

Fleming Rutledge, sacerdote episcopal, pasou 21 anos en ministerio parroquial antes de converterse en conferenciante, escritora e profesora doutros predicadores. É a autora de The Crucifixion.

Danté Stewart é escritor e predicador, estudante na Escola de Teoloxía Candler, na Emory University.

Tradución: Ismael Arnoso Fernández

Also in this series

Our Latest

Aproveitando o Poder das Igrexas de Migrantes en Europa

Un profesor de seminario de Serra Leoa comparte como os migrantes africanas están cambiando a igrexa en Bélxica, e no resto do continente.

Apple PodcastsDown ArrowDown ArrowDown Arrowarrow_left_altLeft ArrowLeft ArrowRight ArrowRight ArrowRight Arrowarrow_up_altUp ArrowUp ArrowAvailable at Amazoncaret-downCloseCloseEmailEmailExpandExpandExternalExternalFacebookfacebook-squareGiftGiftGooglegoogleGoogle KeephamburgerInstagraminstagram-squareLinkLinklinkedin-squareListenListenListenChristianity TodayCT Creative Studio Logologo_orgMegaphoneMenuMenupausePinterestPlayPlayPocketPodcastRSSRSSSaveSaveSaveSearchSearchsearchSpotifyStitcherTelegramTable of ContentsTable of Contentstwitter-squareWhatsAppXYouTubeYouTube