Joseph Bosco Bangura está a reformular a nosa perpesctiva sobre as igrexas de xente migrante.
Durante máis de 25 anos, Joseph vén explorando como os novos movementos cristiáns crean oportunidades para interactuar coas sociedades, e transformalas. A investigación de Bangura sobre o crecente movemento pentecostal no seu país natal de Serra Leoa, revelou tanto o seu atractivo popular como as formas creativas en que as igrexas carismáticas e pentecostais acomodaron as tradicións relixiosas indíxenas africanas.
Actualmente está centrando o seu enfoque no impacto das igrexas de persoas migrantes en Europa. Bangura ensina misioloxía na Evangelical Theological Faculty (ETF) en Bélxica e na Protestant Theological University (PThU) nos Países Baixos e tamén pastorea unha igrexa de inmigrantes. Hai pouco, falou con CT sobre as oportunidades e os desafíos que enfrontan as congregacións de migrantes nas sociedades europeas secularizadas.
Que te motivou a estudar igrexas de xente migrante en Europa?
Sempre hai unha conexión entre a mobilidade das persoas e a difusión da súa fe. Cada vez que os xudeus emigraron -de feito, deles chéganos o termo diáspora- afectou a súa fe. O mesmo ocorreu na igrexa primitiva. Non saíron de seguido; senón que foi a persecución a que provocou a súa dispersión. A migración coincide inevitablemente coa difusión do evanxeo, ampliando a posibilidade de achegar novos aspectos da fe a lugares onde inicialmente non eran coñecidos.
Na Europa occidental hoxe, existe unha maior conciencia entre as igrexas indíxenas [é dicir, europeas brancas] das implicacións misioneiras das comunidades de migrantes. Que poden facer pola configuración da igrexa nunha Europa laica? Se cadra, van servir de salvavidas para a supervivencia da fe nun mundo secularizado.
As organizacións misioneiras estanse a tomar en serio a presenza dos migrantes, e pensando en como poder involucralos. Harvey Kwiyani, un estudoso de Malaui que escribiu moito sobre misión e migración, traballa para a Church Mission Society. Leita Ngoy, natural da República Democrática do Congo (RDC) que ensina en Alemaña, é consultora de Bread for the World, que axuda ás igrexas alemás a ser máis acolledoras aos inmigrantes. A Bible Society for the Netherlands and Flanders (Bélxica) nomeou a Samuel Ekpo, un nixeriano, como o seu xestor de relacións para as igrexas internacionais e de migrantes.
O meu propio nomeamento como profesor de misioloxía na ETF, financiado por unha organización misioneira holandesa, así coma o meu papel docente en PThU tamén reflicten o que está a suceder. Os occidentais están entendendo que, se queren contribuír ao desenvolvemento do cristianismo global, deben permitir que os seus propios escenarios académicos reflictan a diversidade na igrexa de Deus.
Poderías describir como é a túa propia congregación?
Como pastor da Exceeding Grace Bible Church en Amberes, Bélxica, pastoreo a migrantes que queren compartir a súa fe. Os nosos 70 asistentes reflicten unha diversidade de etnias. Son nativos da RDC, Chad, Ghana, Nixeria e Camerún; moitos son Belgas naturalizados. Somos totalmente bilingües en inglés e francés.
Aínda que todos somos africanos na cor de pel, as nosas culturas son moi diferentes. Cando nos atopamos ou cando tomamos decisións, temos persoas que representan cada unha desas culturas, para presentar a visión de que en Cristo somos un só corpo. Tamén temos diversas orixes cristiás: carismática, evanxélica, católica. Tentamos crear pontes entre elas. É un traballo en proceso.
Independentemente das diferenzas culturais internas, temos en común os mesmos problemas que enfrontan a todos os emigrantes en Bélxica: a integración social, a lingua, e a sospeita.
Cal é a historia das igrexas de migrantes en Bélxica?
Antes e despois da independencia da RDC en 1960, Bélxica trouxo estudantes ás universidades belgas coa intención de envialos de volta como unha elite política que conformaría o país. Pero algúns non volveron. A primeira igrexa de emigrantes en Bruxelas foi creada na década de 1980 co apoio de Campus Crusade for Christ. Posteriormente, debido ás súas políticas liberais para os solicitantes de asilo, Bélxica atraeu a outros migrantes africanos, como os ruandeses durante o xenocidio de 1994 e os africanos occidentais que fuxían da crise económica dos seus países de orixe.
Os líderes eclesiásticos migrantes comezaron a incorporarse en varias organizacións eclesiásticas, como a Belgian Evangelical Alliance. Máis recentemente, formouse unha asociación para estimular fraternidade e ánimo mutuo entre os pastores de orixe africana e caribeña. Sobre todo, no norte de Bélxica, hai igrexas de migrantes en case todas as cidades, xeralmente nas afiliadas a asociacións locais evanxélicas e pentecostais. A presenza destas igrexas espertou de novo o concepto do cristianismo protestante neste país de predominancia católico.
Cales son os diferentes tipos de igrexas que ves en Bélxica?
No meu ensino, describo catro categorías. Existe a igrexa migrante, definida en función da composición étnica da igrexa e da súa diferenza coa comunidade de acollida. Aí, pola contra, está a igrexa indíxena, aínda que en moi poucas ocasións escoitei aos meus colegas flamencos chamar á súa igrexa ‘indíxena’. Para eles, é só a súa igrexa natal.
En terceiro lugar existen igrexas multiculturais, onde unha igrexa indíxena abre o seu espazo para outras confraternidades culturais. Pode haber un pastor europeo branco a cargo, pero haberá un grupo filipino reuníndose o mércores e outro, africano, o venres. Deste xeito, cada grupo se reúne segundo o seu propio estilo entre semana e, despois, se xuntan todos o domingo. Aínda que isto é beneficioso, moitas veces esa multiculturalidade da igrexa non se representa na estrutura de liderado. Toda a visión adoita ser minada pola falta de diversidade na propia estrutura de liderado.
Por último, están as igrexas internacionais, que utilizan exclusivamente o inglés e atraen principalmente a profesionais relacionados coa OTAN, a Unión Europea, as embaixadas occidentais ou as grandes corporacións. Dado que son economicamente independentes e poden manterse a si mesmas, non dan prioridade á integración coas comunidades cristiás locais. O liderado é exclusivamente branco. Tamén serven a un grupo específico de persoas que chegaron aquí como migrantes porque viñeron como diplomáticos ou elites corporativas do alto nivel da sociedade, polo que non se lles chama migrantes.
Por que é tan difícil que as igrexas multiculturais teñan un liderado multicultural?
A idea de ter un liderado que represente a multiculturalidade da igrexa é un obxectivo importante. Gustaríame pensar que este modelo de igrexa é un bo exemplo do que imos experimentar no ceo, pero chegar a ese punto aquí na terra é bastante complicado. Existen moitos problemas que resolver.
Hai uns 20 anos, a International Baptist Church en Anveres andaba moi ben cando estaba dirixida polos seus fundadores europeos; sen embargo, cando a igrexa quedou nas mans do liderado africano, o número de europeos diminuíu lentamente debido á preocupación de que a ensinanza bíblica non fose teoloxicamente sólida.
Na actualidade, toda a cuestión da migración é moi polarizadora no ámbito político, e isto cd
afecta á percepción dos cristiáns normais e, polo tanto, á súa capacidade de colaborar entre si.
As igrexas migrantes ás veces son criticadas por centrarse só nas persoas da súa propia etnia e manter o corpo de Cristo segregado. Que opinas desta crítica?
En 2003, Jan Jongeneel argumentou que cando as comunidades de fe migran, o paso inicial, especialmente coa primeira xeración, é mirar cara dentro e satisfacer as necesidades dos membros desa comunidade. Precisamos darlles espazo ás novas igrexas de inmigrantes para redefinir a súa identidade en relación a súa situación na nova sociedade.
As igrexas de migrantes están tentando abordar unha necesidade misional. Non facemos xustiza á súa causa se enfocamos nos contrastes con outras igrexas. É mellor pensar en como podemos colaborar os diferentes tipos de igrexas co obxectivo común de achegar a Europa coas boas novas de Xesús Cristo.
Como animas aos cristiáns migrantes a integrarse eficazmente coa cultura que lles rodea?
Na miña igrexa, animamos ás familias a que os seus fillos cursen unha materia optativa chamada PEGO (educación relixiosa evanxélica protestante) que se imparte nas escolas primarias e secundarias de toda Bélxica. Dálles unha idea de como pensan os protestantes en Bélxica sobre a fe. Cada vez son máis as persoas que se parecen a min, e que imparten esta materia. En abril, realizarei un seminario para 400 profesores falando sobre a relixiosidade africana e como pode axudar a revitalizar a educación relixiosa nas escolas, o cal é unha apertura importante.
Tamén animo aos meus colegas africanos a participar nas confrarías evanxélicas ou pentecostais locais. Quizais non esteamos de acordo en todo, pero somos unha minoría e non podemos permitirnos quedarnos sós. Deberiamos unirnos para compartir recursos e animarnos mutuamente. Isto podería axudar a misión non só en Bélxica senón tamén dende Bélxica aos países dos que procedemos. Por exemplo, se unha igrexa local belga quere facer misións en Serra Leoa, podo proporcionarlle información útil antes de que cheguen ao campo de misión.
Como ves que a laicidade da cultura belga afecta á segunda xeración de emigrantes africanos?
En 2020 publiquei un capítulo para reflexionar sobre este tema. Os nenos migrantes non sempre aprecian a espiritualidade dos seus pais, e tamén están a facer fronte a unha crise de identidade, xa que os seus pais non os consideran africanos na casa, pero son considerados africanos na escola. Colaborar coas igrexas indíxenas pode axudar a abordar algunhas das súas necesidades e darlles a oportunidade de tomar unha decisión por Cristo.
Os pais migrantes da primeira xeración adoitan ser incapaces de comprender os retos aos que se enfronta a segunda xeración, porque aínda levan consigo a formación espiritual que recibiron en África. Un exemplo que mostra esta realidade é o caso dunha moza que, cando rematou a secundaria, sentiu a presión da vida académica, tanto por parte dos seus compañeiros coma dos pais. Quería tomarse un ano de descanso para refrescar a súa mente e evitar o esgotamento, pero os seus pais concluíron que o demo estaba interferindo nela. Como poderían interpretar os fenómenos psicolóxicos do seu novo entorno para que sexan beneficiosos para os seus fillos? É unha loita á que espero que poidamos atopar solucións.
Podes resumir como debería pensar o pobo cristián sobre o papel dos emigrantes na misión da igrexa?
Durante moito tempo, as comunidades cristiás migrantes foron descritas a través da lente doutras persoas, de comunidades locais indíxenas que aínda manteñen o dominio cultural. Pero nós mesmos somos axentes de misión activos, contribuíndo a configurar a traxectoria da misión nunha cultura secularizada. Aprecio que a ETF invista en novos enfoques da misión.
Cando comecei a estudar teoloxía en 1993, a relación entre migración e misión non estaba na axenda académica, e como resultado, non estiven ben preparado cando tiven que migrar. Debemos preparar á xente para que, onde queira que a leve o Señor, por calquera motivo, consideren a súa migración coma unha ferramenta coa que Deus lles permite espallar o evanxeo por diferentes lugares, entre persoas que deixaron a fe ou non son cristiáns.
Xa que traballas para reunir cristiáns de múltiples culturas, que me servirías se fose a cear á túa casa?
Comezaríamos con sopa belga, despois tomaríamos un prato de arroz africano especiado e follas de mandioca e remataríamos co clásico budín de chocolate belga, todo servido nunha mesa decorada con mantel africano trenzado.